O BNG da Pobra propón a creación dunha rede de centros cívicos

    POBRA> O BNG da Pobra incluirá no seu programa electoral a creación dunha rede de centros cívicos nas parroquias. Para levalo a cabo propón a rehabilitación das antigas escolas unitarias que, na actualidade, se atopan abandonadas. Non é a primeira vez que o BNG denuncia o estado de abandono en que se atopan algunhas instalacións municipais como a antiga escola do Camiño Ancho. Consideran os nacionalistas que este inmoble, ó igual que outras unitarias do municipio, están infrautilizados polo que propoñen a súa posta en valor para darlle un novo uso. A intención dos nacionalistas, se chegan á alcaldía pobrense, é dotar ó municipio dunha rede de centros cívicos nas distintas parroquias que poderían albergas as antigas escolas unitarias, estratéxicamente emprazadas.