‘Víctor o do Cochón’ irá finalmente á cadea

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/30/atracadorsupermercadoeroskipobra30091411.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/09setembro/30/atracadorsupermercadoeroskipobra300914.mp4{/flowplayer} RIBEIRA> A titular do Xulgado de Garda Número 2 decretou, nesta ocasión, o seu ingreso en prisión polo roubo a punta de pistola cometido hai varias semanas no supermercado Eroski Center da Pobra. Esposado e custodiado por dous axentes da Policía Xudicial da Garda Civil de Noia, Víctor Manuel P.C, máis coñecido coma ‘Víctor o do Cochón’, saía este mediodía dos xulgados de Ribeira para ser trasladado ós calabozos da Policía Local, á espera do seu traslado ó cárcere de Teixeiro. Acababa de prestar declaración ante a xuíz titular do Xulgado de Garda Número 2, que decretou o seu ingreso en prisión, acusado do atraco a punta de pistola cometido hai varias semanas no supermercado Eroski Center da Pobra do Caramiñal de onde logrou levarse uns seiscentos euros en metálico. Dase a circunstancia de que este mesmo individuo quedara en liberdade a semana pasada por un roubo de similares características cometido no restaurante Jenaro de Ribeira, a pesar de confesar ser o autor dos feitos. Unha decisión polémica que mesmo chegou a levantar unha gran axitación en Ribeira, ó non entender a decisión da xuíza de deixalo en liberdade. A Garda Civil seguíalle a pista dende entón, ó ter claras sospeitas de que fora el mesmo o autor do roubo no supermercado pobrense. Unha vez analizadas as probas, no día de onte, procedeuse a súa detención. E desta volta o final do conto non será igual para el.