O BNG reclama a exención de cotas á Seguridade Social das mariscadores ante os ceses de actividade

SALNÉS> Os cabezas de lista do BNG ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra visitaron este vernes Vilagarcía. Alí fixeron un chamamento a concentrar o voto de esquerda no Bloque para que Galicia e a comarca do Salnés teñan peso en Madrid. En clave local, demandaron melloras no transporte na comarca, así como medidas para que as mariscadoras queden exentas das cotas á Seguridade Social durante o cese da súa actividade.

Para que Galicia e O Salnés teñan voz en Madrid, o BNG fai un chamemento a concentrar o voto de esquerda no BNG. Este venres os candidatos da fronte nacionalista estiveron en Vilagarcía, reivindicando outra forma de facer política lonxe da confrontación e o insulto. A número 1 ao Congreso por Pontevedra advertiu do retroceso que suporía a chegada do PP á Moncloa, pero tamén lanzou críticas ao actual goberno de coalición por desviar o foco do social para destinar recursos ao gasto militar.

Reivindicou uns servizos públicos fortes, que se tomen medidas en materia de vivenda ou servizos sociais. En clave local, demandou unha mellora do transporte na comarca, máis mantemento para a rede ferroviaria e viaria. Tamén lamentou a situación na que se atopan as mariscadoras que teñen que seguir facéndolle fronte á súa cota da Seguridade Social, malia estar en paro forzoso.

O candidato do BNG ao Senado tamén demandou máis forza para a súa formación, lembrando que a presenza do Bloque en Madrid sitúa na axenda política os problemas que nos tocan máis de preto.

E apuntan que se o BNG ten máis forza, terá máis capacidade para condicionar as decisións que se toman en Madrid.