O estudio de arquitectura de Bernat Pons gaña o concurso de ideas para o novo auditorio

RIBEIRA> O estudio de arquitectura de Bernat Pons, Anna Gorrochategui e Antoni Pons, de Palma de Mallorca, foi o proxecto gañador do concurso de ideas do futuro auditorio de Ribeira. Esta mañá o xurado daba a coñecer o seu fallo, coa presenza dos tres arquitectos que deseñaron o proxecto.

Das tres propostas que quedaron, despois dunha primeira criba, o proxecto ‘Choiva, pedra e cristal’ realizado polo estudio de arquitectura de Bernat Pons, Anna Gorrochategui e Antoni Pons, de Palma de Mallorca, foi finalmente a elixida polo xurado. Segundo explicou o alcalde, Manuel Ruíz, a proposta foi a mellor valorada das tres, grazas principalmente a súa versatilidade.

O estudio disporá agora dun prazo de tres meses para elaborar o proxecto construtivo e unha vez realizado a obra sairá a concurso para a súa construción. Cabe lembrar que a actuación está financiada con fondos Feder dentro do programa ‘Máis Riveira Atlántica 2020’, para a que hai reservada unha partida de 2,5 millóns de euros.