SANXENXO> A construción da nova pista polideportiva no colexio de Nantes, en Sanxenxo, reuniu ao alcalde do municipio, Telmo Martín e o deputado provincial de Cooperación. Os traballos que serán financiados con máis de 200.000 euros do Plan Concellos.
O cole de Nantes terá máis pronto que tarde a súa pista polideportiva cuberta. Os traballos comezaron hai unha semana e estímase que poidan estar rematadas antes de que remate o ano. Esta instalación está financiada co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, por un importe superior aos 200.000 euros.
O centro xa tiña outra pista polideportiva exterior, pero á intemperie e moi deteriorada. De aí que agora, con esta actuación, se pretende dotar ao colexio dunha nova pista, cuberta e con todas as melloras necesarias.
A superficie en planta da construción é de 1.239 metros cadrados, cunhas dimensións exteriores de 43 metros de longo, 28 metros de ancho e 7 metros de altura. A pista polideportiva terá unhas dimensións exteriores de 43×28 metros, formada por unha soleira de formigón armado de 20 centímetros de espesor, executada sobre explanada mellorada.
A cuberta será a dúas augas con instalación dos correspondentes canlóns e baixantes para a recollida de augas pluviais da cuberta.