A FEB adiantará a xuño a gala dos Dolmen 2015

    BARBANZA> A data escollida será o 26 de xuño en Rianxo, baixo a organización da Asociación Rianxeira de Empresarios. A xunta directiva da Federación de Empresarios do Barbanza celebrou onte pola noite unha asamblea que serviu para facer valoración da pasada edición da gala dos premios Dolmen celebrada en Noia. Os directivos da patronal comarcal destacaron os cambios introducidos que contribuiron a unha mellora substancial do evento. En vistas a esta boa acollida a idea é a de seguir con este formato en vindeiras edicións. Na xuntanza acordouse tamén fixar xa a data da próxima edición da gala dos Dolmen que terá lugar o venres 26 de xuño en Rianxo, sendo a asociación anfitriona a Asociación Rianxeira de Empresarios. Por primeira vez adiántase o evento a antes do verán co obxectivo en principio de asegurar unha mellor climataloxía, fundamental para as actividades complementarias que se poidan organizar. Durante a reunión informouse tamén do bo nivel de actividade acadado polo punto de Atención ó Emprendedor da FEB que permite a creación telemática de empresas en 24 horas, evitando así que os promotores das mesmas se teñan que desprazar a realizar os trámites persoalmente ante as distintas Administracións conseguindo neste tempo constituir a catro autónomos, unha sociedade limitada e outra sociedade limitada nova empresa. Tamén se abordou a próxima campaña comercial de Nadal, sendo a intención da FEB de que volva a ser unha campaña única en todoo o territorio, como aconteceu nos últimos dous anos, pero con posibles novidades no referente ó seu formato que se irán madurando nos próximos días. A patronal comarcal recibía tamén esta semana unha boa nova da man da Mesa Provincial de Comercio Local da Coruña que lle deu o visto e prace ó seu proxecto de dinamización comercial. A iniciativa consiste na creación dun sistema informático e aplicación para dispositivos móbiles para a promoción e desenvolvemento do comercio, coa captación de clientes potenciais cara a venta dos produtos aloxados nos comercios que forman parte da federación. O sistema non só estará orientado a dar coñecemento dos eventos, lugares ou produtos, senón que tamén pretende ser unha ferramenta interactiva, que permita a comunicación entre o usuario e os comerciantes e as asociacións implicadas.