O PP boirés porá a disposición xudicial as polémicas declaracións efectuadas polo edil de Urbanismo

    BOIRO > De novo salta a polémica en Boiro. Unhas máis que desafortunadas declaracións do edil de Urbanismo, Xoán León, veñen de desatar unha crise interna dentro do tripartito. O PP boirés ten previsto poñer a disposición do fiscal as manifestacións públicas por se foran constitutivas de delito e mesmo teñen previsto solicitar a convocatoria urxente dun pleno extraordinario.

    O PP de Boiro vén de facerse eco dunhas declaracións efectuadas polo concelleiro de Urbanismo Xoán León á cadea de radio Onda Cero nas que manifestaba en referencia á oposición do independente Manuel Velo á recalificación dos terreos rústicos de Espiñeira que ‘para convencelo sería complicado, e ó mellor unha bolsa por aí, poderíao convencer’.

    Ante a gravidade dos feitos os membros do PP boirés teñen previsto poñer a disposición xudicial a gravación coas declaracións realizadas polo edil de Urbanismo, Xoán León, para que proceda a inicia-las correspondentes dilixencias previas a fin de esclarecer se poden se constitutivas de algún tipo de delito. Así mesmo os populares van solicitar a convocatoria urxente dun pleno extraordinario.

    Xoán León recoñeceu abertamente ter metido a pata por tales declaracións e afirmou que o incidente xa foi aclarado co propio agraviado, Manuel Velo.

    Deste xeito restou importancia ó suceso, aínda que recoñeceu que en Boiro se vive un momento de crispación da que o Partido Popular pretende sacar partido político.

    Xoán León non entende tampouco as acusacións do PP ó compara-la situación que se vive en Boiro en materia urbanística coa de Marbella.

    Pola súa banda, Manuel Velo sinalou que as declaracións de Xoán León foran pouco afortunadas. Aínda así, segundo el a postura do PP non deixa de ser oportunista, acusándoos de falta de ideas para facer oposición.

    Redacción Barbanza