O BNG trasladoulle ós xeiteiros a posibilidade de ir a Bruselas

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/21/novidadesxeito2110141.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/10outubro/21/novidadesxeito211014.mp4{/flowplayer} RIANXO> Os nacionalistas pretenden que sexa o propio sector o que teña a oportunidade de explicarlle directamente ós responsables comunitarios as razóns polas que esta arte de pesca artesanal debe quedar fóra da nova normativa europea. Nunha xuntanza mantida recentemente en Rianxo con representantes do sector, a portavoz do BNG na Eurocámara, Ana Miranda, trasladoulle a estes a posibilidade de que unha representación de xeiteiros se desplace ata Bruselas para explicarlle directamente ós propios membros da Comisión as razón polas que esta arte de pesca debe de quedar excluída da prohibición que a Unión Europea pretende introducir a partir do próximo 1 de xaneiro. Durante o encontro Miranda tamén lle deu conta ó sector das xestións realizadas por ela ante varios responsables da Comisión Europea e do Parlamento europeo, en concreto, ante o presidente da Comisión de Pesca da Eurocámara, Alain Cadec, e da ponente do informe, a eurodeputada italiana Renata Briano, ós que lle fixo fincapé na preocupación que existe por esta posible prohibición que afectaría ó 11% da frota pesqueira galega, cunha ampla presenza de barcos en Rianxo. Dende as filas nacionalistas argumentouse que o xeito é a excepción ás redes de deriva clásicas, xa que son de menor tamaño, os lances no mar son de apenas unha hora e os barcos de menor potencia, así como que afectan a unha pesqueria como é a sardiña na que case non hai descartes, existindo ademais regulación específica en Galicia para este sector. Precisamente os sector do xeito ten previsto continuar mañá mércores co seu calendario de mobilizacións. Esta vez o escenario será no porto da Illa de Arousa. Ata alí desprazaranse xeiteiros de toda a Ría para desenvolver unha concentración, ás cinco da tarde. Pola mañá está prevista tamén unha xuntanza co portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que se desprazará ata Rianxo para manter un encontro con representantes do sector. Ademais do xeito, tamén están convocados a esa reunión membros da frota de baixura e do marisqueo.