Oitocentos maiores participaron no Xantar de Confraternidade de Porto do Son

    PORTO DO SON> Preto de oitocentas persoas participaron no Xantar dos Maiores de Porto do Son que, como vén sendo habitual, celebrouse o día 1 de maio. A xornada comezou cunha misa na igrexia parroquial. A continuación, os asistentes desprazáronse ata o pavillón polideportivo de Santa Irene onde tivo lugar o xantar servido polo restaurante Chicolino. Ademais do alcalde e concelleiros da corporación, participou no encontro o Conselleiro de Política Social. José Manuel Rey Varela destacou a importancia da terceira idade na construción da sociedade moderna polo que o seu departamento segue a incrementar os recursos destinados a este colectivo co fin de promover o envellecemento activo. Durante esta xornada festiva houbo tamén tempo para homenaxear a tres asociacións que colaboran activamente co concello: o club de xubilados de Porto do Son, a asociación das amas de casa e o club de xubilados de Caamaño. Os seus representantes recibiron un ramo de flores como agasallo, en recoñecemento ó seu traballo diario como parte do tecido asociativo do municipio. O xantar rematou cun animado baile que se prolongou ata a noite.