Conclúe a actuación no Castro da Cidá coa instalación dos paneis informativos

    RIBEIRA> Coa colocación dos paneis informativos e os sinais de indicación, deuse por concluída a actuación de recuperación arqueolóxica de Castro da Cidá. Os paneis divulgativos levan incorporados, ademais de información en galego, castelán e inglés, uns códigos QR que conducen ao blog elaborado de forma paralela á escavación e no que se pode observar a evolución dos traballos: a súa dirección é castrodacida.esy.es. Cómpre destacar a especial resistencia dos materiais con que se fixeron ambos elementos: pés de ferro sen tratar , postes de madeira de teca e cada panel en si formado por dúas chapas de aceiro inoxidable con outra chapa mariña no seu interior. Así mesmo, colocáronse cinco sinais indicativas a xeito de punta de frecha. Cómpre lembrar que, dende que a fase de escavación finalizou o 31 de maio, se estivo a consolidar as 15 cabanas desenterradas, todas elas dispostas nunha superficie de 450 metros cadrados. Os vestixios desenterrados denotan que a zona de actuación ten un forte compoñente artesanal e metalúrxico.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí