Noia recolle o seu patrimonio nunhas guías divulgativas

    NOIA> A Oficina de rehabilitación do casco histórico de Noia editou o primeiro dunha serie de cadernos divulgativos sobre o legado patrimonial da vila. Este primeiro número, cunha tirada de mil exemplares, fai un repaso sobre as fontes e o achado do acueduto medieval de Porta da Vila. Concibida como unha publicación divulgativa pero tamén como unha guía ilustrada para o visitante, naceu o primeiro caderno da oficina de rehabilitación do casco histórico de Noia. Esta publicación, que pretende ser a primeira dunha serie, realiza un percorrido polas fontes que presentan maior importancia patrimonial na vila para culminar cun dos principais achados arqueolóxicos. Precisamente, facerse eco dos achados patrimoniais e dar a coñecer os elementos históricos máis emblemáticos do municipio é o fin destas guías que se distribuirán por toda a vila de xeito gratuíto. A publicación, deseñada por Cen Litros Metro Cadrado , aposta polo deseño vangardista para dar contemporaneidade ós elementos do pasado. Os cadernos estarán a disposición dos visitantes en centros públicos e establecementos comerciais e hostaleiros de todo o municipio.