RIBEIRA> A secretaria xeral do PPdeG participou na reunión da comisión de Medio Ambiente do partido celebrada este mediodía en Ribeira. Previamente, Paula Prado visitou a zona de dominio público marítimo terrestre en Río Azor onde criticou a modificación da Lei de Costas que pon en risco o futuro de moitas empresas da cadea mar-industria do noso litoral.
Son máis de 4000 edificacións e moitos postos de traballo os que se xogan a súa continuidade ante a modificación do regulamento de Costas. Por esta razón, a Xunta impulsou a Lei de Ordenación do Litoral de Galicia, actualmente en fase de consulta. O PPdeG avala a necesidade desta norma para que a comunidade exerza as competencias de xestión da súa costa, en lugar de acatar as imposicións de Madrid.
Tamén o alcalde de Ribeira amosouse moi crítico coas medidas adoptadas polo goberno central que ameaza a continuidade das concesións de moitas empresas clave no desenvolvemento económico de Galicia.Posteriormente, os membros da comisión de Medio Ambiente do PPdeG mantiveron unha xuntanza presidida pola coordinadora desta área, Marisol Díaz Mouteira.