A Deputación da Coruña intégrase na Rede Española de Teatros

A CORUÑA> O pleno provincial aprobou por unanimidade a integración da Deputación na Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública. Dá así resposta a unha proposta formulada desde o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes para formar parte dunha rede sen ánimo de lucro constituída no ano 2000 e integrada, ademais de polo propio Ministerio, polo Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música. Esta rede busca fomentar as actividades escénicas e musicais, garantir a calidade e estabilidade na programación de teatros e auditorios de titularidade pública ou potenciar a cooperación e colaboración entre eles e nos circuítos das comunidades autónomas. Do mesmo xeito, é competencia desta rede abrir vías de comunicación entre os diferentes axentes que interveñen no desenrolo das políticas sectoriais do teatro, a música e a danza, como poden ser os creadores, os produtores, os distribuidores e os xestores culturais. O fin último do seu traballo pasa polo mantemento e consolidación do sector, e tamén pola subvención de diferentes circuítos como os de danza, que contan cun apoio público do 50% e que fai posible que funcións de alta calidade cheguen a todos os puntos do país. Entre os asuntos tratados no pleno tamén se aprobou unha achega de preto de 200.000 para investimentos en Oza-Cesuras, que permitirá levar a cabo distintas obras de mellora no concello.