O executivo ribeirense aproba inicialmente en solitario os orzamentos para 2015

    RIBEIRA> A corporación municipal de Ribeira celebrou este mediodía unha sesión plenaria con carácter extraordinario na que figuraba como principal punto dentro da orde do día a aprobación inicial dos Orzamentos Municipais para o vindeiro ano 2015. O equipo de goberno, o Partido Popular sacou adiante en solitario este documento que no seu total ascende a 20’2 millóns de euros. O resto dos grupos con representación municipal: IPdeR, Partido Socialista e BNG abstivéronse na votación. Na súa intervención o alcalde, Manuel Ruíz, destacou o feito de que por primeira vez na historia do concello se aprobaban uns orzamentos antes de rematar o ano. Fixo alusión tamén ó aumento do gasto social, ó que se destinará máis dun 30%. Tamén aludiu ó aumento dos investimentos procedentes de fondos propios, nun 37%, o que evidencia autonomía que está a adquirir o concello, que xa non depende tanto das axudas procedentes doutras Administracións. Ademais destacou que un 12% do total do presuposto deste ano irá para investimentos e que a débeda municipal se sitúa ó redor do 46%, quince puntos menos que cando chegou el á alcaldía.