A emigración fai que Galicia reduza o paro a pesares de destruír emprego

GALICIA> A Enquisa de Poboación Activa do cuarto trimestre de 2014 non deixa boas novas para Galicia. A nosa comunidade perdeu 2.200 ocupados nun ano pero, a pesares de non crear emprego conseguiu reducir o paro en 17 mil persoas. Algo que só se explica co descenso da poboación activa en Galicia: 19.200 persoas abandonaron o mercado laboral galego no último exercicio.

 

Case 20 mil persoas abandonaron o mercado laboral galego no 2014, na súa maioría pola emigración. Esta caída da poboación activa permite que Galicia rexistre unha baixada no paro de 17 mil persoas en relación co ano anterior, a pesares de que a comunidade perdeu 2.200 ocupados. Xunto a Castela A Mancha e Asturias, Galicia é unha das tres autonomías que destruíron emprego no 2014.

Son os datos que deixa a última Enquisa de Poboación Activa, a correspondente ao cuarto trimestre de 2014. O ano pasado despediuse con case 264 mil galegos buscando un posto de traballo, e con pouco máis dun millón de traballadores en activo na comunidade.

Por sectores, todos destruíron emprego no cuarto trimestre do ano. En cómputo anual, só perde ocupados o sector primario, con 9.900 traballadores menos. Medran industria, construción e servizos.

E é que a expectativa de empleabilidade en Galicia aínda non notou os efectos da mellora da economía . En España, no conxunto do ano a ocupación medrou en case 434 mil persoas, mentres que o paro se reduciu en case 478.000.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/22/enquisa_datos_epa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/22/enquisa_datos_epa.mp4{/flowplayer}