Cinco das persoas feridas no incendio do catamarán do Grove continúan hospitalizadas

O GROVE>  Cinco das persoas feridas no incendio do catamarán do Grove continúan hospitalizadas, tres delas graves e as outras dúas moi graves. O resto de feridos foron recibindo nas últimas horas a alta médica. Entre tanto, a investigación para esclarecer que foi o que pasou xa está en marcha. Todo apunta a que o incendio do catamarán orixinouse tras unha explosión no motor.

Cinco dos 38 feridos do accidente do catamarán do Grove continúan ingresados. Dous deles, os máis graves, permenecen na unidade de coidados do Complexo Hospitalario da Coruña. Os outros tres feridos, con queimaduras tamén de gravidade, están ingresados en Povisa, en Vigo.

Mentres as vítimas se van recuperando, a investigación para esclarecer que foi o que pasou avanza. Todo apunta a que o incendio do catamarán orixinouse tras unha explosión no motor. O catamarán Boramar levaba menos dunha semana  operando dende o porto meco.

O rexedor confía en que o fatal desenlace desta embarcación non teña repercusión sobre o turismo. Coa situación xa normalizada, Cacabelos salienta que os 14 catamaráns que opera dende O Grove teñen unha dilatada experiencia. E reivindica que esta actividade turística é, ante todo, segura.