BARBANZA> A Xunta recorrerá a xuristas especializados en dereito comunitario para reforzar o recurso da flota galega contra o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas e que afecta a 87 zonas de augas comunitarias.
A medida pretende dar resposta á necesidade de actuar con carácter urxente, cunha estratexia ben definida e liderada, tanto por profesionais coñecedores da materia, como tamén por expertos familiarizados cos procedementos que rexen nas accións ante os tribunais europeos.
A Administración Galega traballa na defensa dos intereses do conxunto do sector coa finalidade de acadar tanto a suspensión temporal da nova normativa, como a súa anulación definitiva.
O veto afecta ó redor duns 200 buques en toda Galicia de xeito directo, ben porque non poden pescar nas zonas vedadas ou ben pola concentración, no mesmo espazo, das embarcacións que viñan traballando tradicionalmente alí, xunto coas expulsadas das zonas restrinxidas.