Achan un quilo de cocaína no miradoiro da Curota

    RIBEIRA> Sorprendente achado no miradoiro da Curota. Un pobrense que inspeccionaba a zona en busca de setas atopou un fardo cun quilo de cocaína. O paquete estaba entre unhas pedras, envolto en plástico. Os feitos acontecían a mediodía do domingo cando un veciño da Pobra paseaba por esta zona do monte da Curota. Agochado entre unhas pedras atopou o paquete coa droga. A Policía Xudicial traballa para esclarecer a procedencia da droga que podería alcanzar no mercado un valor de cincuenta mil euros. Mentres non remate a investigación, as primeiras hipóteses apuntan a que a droga puido ser depositada no lugar como punto de intercambio, á espera de ser recollida polos seus destinatarios. Este non foi o único suceso acontecido na comarca esta fin de semana. Durante a noite do sábado dous descoñecidos agrediron a dous mozos en pleno centro de Ribeira. A primeira das agresións producíase pasadas as tres da madrugada na ría de Galicia. Dous homes coa cara cuberta golpearon cun bate de beisbol a un mozo de vinte e tres anos que camiñaba pola rúa provocándolle unha rotura parcial de pómulo. Unha hora máis tarde repetíase a agresión á altura da rúa Ramón y Cajal. Os dous encapuchados propinaron unha brutal paliza a outro mozo que camiñaba só en dirección á súa casa. Tras tiralo ó chan, golpeárono co bate de beisbol ademais de darlle patadas e puñetazos ata que marcharon levando consigo a carteira do agredido. O mozo, que tivo que ser trasladado ó hospital do Barbanza ó igual que a anterior vítima, recibiu sete puntos de sutura na cabeza e un na mandíbula e presentaba contusión nunha man e un derrame nun ollo. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/09/sucesosbarbanza0902151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/09/sucesosbarbanza090215.mp4{/flowplayer}