O polígono da Teixoeira contará cun sistema para a conducción de auga salgada

    POBRA > A confirmación da Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, da construción do parque empresarial da Teixoeira, entre os concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira, incluído no proxecto ‘Galicia Suma’ da Xunta de Galicia, encheou de ledicia ó alcalde pobrés Isaac Maceiras que deste xeito ve factible a actuación para o que xa existe unha demanda de máis de 115 mil metros cadrados.

     

    Segundo sinalou o alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, na xuntanza mantida coa Conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, esta confirmoulle a viabilidade técnica do proxecto de construción dun parque empresarial na Teixoeira, atopándose actualmente á falla das conclusións do estudo económico.

    A intención da Consellería non é outra que unha vez recibido o estudo económico iniciar o máis breve posible a execución das obras.

    O parque empresarial estará especializado en industrias relacionadas co mar, existindo unha importante demanda de chan industrial por parte das emresas conserveiras e cocedoiros, que actualmente reclaman xa uns 115 mil metros cadrados.

    Técnicos da Xunta desprazaranse proximamamente ata a Pobra para avaliar tamén o custe que suporía dotar a este parque empresarial dun sistema pioneiro en España para a conducción de auga salgada que reduciría ó mínimo o impacto ambiental.

    Así, o parque da Teixoeira sería un exemplo de parque especializado dotado das infraestruturas máis vangardistas, garantía de respecto polo medio ambiente e de desenvolvemento sostible.

    Este sistema recollería a auga do mar necesaria para a cocción de túnidos e mariscos e devolvería os vertidos cun índice de salinidade moi por debaixo do estipulado pola normativa vixente.

    Á xuntanza coa Conselleira de Vivenda e Solo, o rexedor pobrés acudiu acompañado do Conselleiro Delegado de Conservas Ortíz, José Ortiz de Zárate, que está decidido a apostar por esta comarca para a súa expansión, polo que ten previsto adquirir unha parcela no futuro polígono da Teixoeira duns 25 mil metros cadrados.

    Precisamente o  BNG da Pobra do Caramiñal criticou ó alcalde Isaac Maceiras por querer apuntarse un tanto con este proxecto, cando nun primeiro momento se opuña claramente á construción dun polígono industrial na zona da Teixoeira, entre os concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira.

    A voceira desta formación política na Pobra, Rosana Pérez, puxo como exemplo a campaña realizada polos membros do PP na comarca nada máis coñecerse a xuntanza mantida polo BNG coa Conselleira de Vivenda no que lle solicitaron a necesidade de construir un polígono industrial na zona da Teixoeira, entre os concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira.

    Por outra banda Rosana Pérez tamén se aleda de que o alcalde se dera conta agora da importancia deste proxecto impulsado polo BNG e tomara a decisión de defendelo, o que vén a demostrar unha vez máis que estaba equivocado.

    Isaac Maceiras contestoulle á voceira nacionalista sinalando que o que menos importa son os partidismos xa que o resultado final será proveitoso para os veciños do municipio.

    Redacción Barbanza