Muros instala dous repetidores para mellorar o sinal da TDT

    MUROS> O executivo muradán está a realizar as xestións para mellorar a cobertura de TDT en todo o municipio. Polo momento, xa se colocaron dous novos repetidores en Abelleira e Torea e está previsto outra nova instalación en Louro. Recollendo as demandas dos veciños, o concello de Muros iniciou os traballos para mellorar o sinal da TDT naquelas parroquias que rexistraban maiores deficiencias. Ata o momento, xa se procedeu á instalación de dous novos repetidores para mellorar a cobertura pero aínda así quedan varias zonas en sombra. A intención do executivo é continuar co proxecto de mellora para favorecer a recepción do sinal de televisión en todo o municipio polo que está previsto colocar outro repetidor na zona de Louro.