O TSXG anula a licenza a Jealsa pola construción dunha cámara frigorífica

    BOIRO > O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de reiterar a anulación da licenza de construción da cámara frigorífica que a conserveira Jealsa posúe na zona do Bodión. O permiso xa fora suspendido no 2003 por non contar coa autorización dos organismos competentes. Nese mesmo ano, a comisión do goberno local concedeu unha nova licenza legalizando as instalacións da cámara frigorífica.

    A sentencia feita pública polo Tribunal Superior de Xustiza o pasado mes de decembro deixa sen efecto o acordo acadado polo goberno municipal hai tres anos polo que se legalizaba a ampliación da planta.Segundo figura no auto, e igual que acontecera coa concesión da primeira licenza, o proceso para a autorización das obras non contou con tódolos informes precisos.

    Nesta ocasión faltaba o informe da Consellería de Pesca, polo que o Tribunal Superior de Xustiza deu por anulada a autorización para a construción destas instalacións.jealsa_300_09052006.jpg

    A sentencia fai referencia tamén á ‘precipitada legalización’ posto que se produciu inmediatamente antes do cambio do executivo municipal.A licencia foi concedida polo goberno do PP despois das eleccións municipais e xusto antes da constitución do tripartito.Neste sentido, a sentencia recolle que o acordo foi acadado o 9 de xuño de 2003 coa ‘inequívoca finalidade de eludir o cumprimento da sentencia’.

    Ante a resolución xudicial, a conserveira Jealsa optou pola incoación dun expediente ante o concello de Boiro para a legalización das instalacións frigoríficas coa consecución da licenza definitiva.jealsa2_300_09052006.jpg

    O goberno municipal dirixiuse ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia co fin de coñecer o procedemento ante esta solicitude xa que, na actualidade, as intalacións contan con tódolos informes precisos para a súa autorización.

    Á espera da resposta do tribunal, o secretario municipal xa recomendou á comisión de goberno a concesión da licenza xa que os informes da Dirección Xeral de Costas e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos son favorables.

    Redacción Barbanza