Piden a mediación do concello para a rehabilitación da ‘capela’ de Santa Rita en Beluso

    BOIRO> A pesar de ter os cartos para realizala, os veciños están pendentes da autorización da Axencia Galega de Infraestruturas. A ninguén se circule pola vella estrada comarcal entre Ribeira e Padrón, á altura de Ponte Beluso, lle pasa desapercibido a presenza de numerosos ramos de flores e candeas amontoadas xunto a unha vella oficina dun antigo serradoiro existente a carón do vial. Trátase dun lugar de peregrinación para moitos devotos de Santa Rita, cuxa imaxe é venerada nesta singular ‘capela’. O mal estado no que se atopa o inmoble levou ós veciños da zona a iniciar hai varios anos unha serie de trámites para conseguir o acondicionamento deste peculiar ‘templo’. Unha vez conseguida a autorización dos propietarios do recinto e a busca do financiamento necesario para levar a cabo este proxecto, os veciños atopáronse con outro problema, o correspondente permiso da Axencia Galega de Infraestruturas. Cidadáns Boiro fíxose eco tamén desta problemática. A través dunha iniciativa presentada no concello solicítanlle ó equipo de goberno que xestione ante a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as autorizacións necesarias para poder levar a cabo a rehabilitación da dita estrutura. O alcalde, Xoán Xosé Dieste, informou de que é coñecedor deste asunto, polo que se interesou en máis dunha ocasión diante dos organismos competentes. Segundo el trátase dun problema alleo ó concello, pois é unha propiedade particular, polo que debe ser o propio dono o que solicite a correspondente autorización. Aínda así os únicos traballos que autoriza a Axencia Galega de Infraestruturas son de conservación ordinaria e limpeza da zona. Calquera actuación de maior calado, como podería ser a súa rehabilitación conlevaría a realizar un retranqueo duns dezaseis metros dende o eixe da estrada, tal e como establece a lei.