O Paquito Número Dous será reflotado

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/04/reflotepaquitonumero21.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/04/reflotepaquitonumero2.mp4{/flowplayer} BOIRO> O Paquito Número 2, afundido fronte a Cabo Corrubedo en decembro, será reflotado en canto o tempo o permita. As familias dos dous tripulantes que permanecen desaparecidos acolleron con satisfacción esta nova coa esperanza de que os corpos poidan estar no interior do nave. Aínda non hai data pero a armadora xa presentou o proxecto para reflotar o Paquito número 2 e está previsto que comecen os traballos cando as condicións meteorolóxicas o permitan xa que se trata dunha operación complicada na que cómpre garantir a seguridade e evitar a contaminación. As manobras, executadas por unha empresa privada pero supervisadas tanto por Sasemar como Capitanía Marítima, desenvolveranse en varias fases. A primeira delas consistirá na inmersión dos mergulladores que, axudados por unha embarcación auxiliar, colocarán os balóns de aire destinados a subir a embarcación. Unha vez na superficie, procederase a remolcala problablemente ata o porto de Muros. A embarcación mexilloeira afundía o pasado dezaseis de decembro na zona das Teiláns fronte a Corrubedo. E alí permanece a corenta metros de profundidade e en bo estado segundo constataron os mergulladores que hai tan só uns días volveron baixar para comprobar a posición exacta do barco. Tralo naufraxio, tan só fora recuperado o corpo do patrón do embarcación polo que se realizaron varias inmersións para inspeccionar o barco na busca dos outros dous tripulantes. Malia que se descartou que puideran estar atrapados no seu interior, os familiares de Santiago Blanco e Antonio Hermo sempre pediron que se reflotara o Paquito número 2 para descartar definitivamente a posibilidade de que os corpos puideran permanecer na nave.