A Creba contará cun novo local na zona do Río do Porto

    NOIA> A mediación dos deputados populares Santiago Freire e Ramón Santos permitiu que a Axencia Galega de Infraestruturas lle ceda a esta entidade o uso dunha antiga vivenda expropiada a consecuencia das obras da variante. Os problemas de espazo e a falla de instalacións que ten hoxe en día a Asociación Pro Saúde Mental A Creba, con sedes en Noia e Ribeira, para o desenvolvemento das súas actividades, foi unha das principais razóns que levou ós deputados do Partido Popular, Santiago Freire e Ramón Santos, a mediar ante a Axencia Galega de Infraestruturas, para poñer a disposición desta entidade unha vivenda, actualmente en desuso, na zona do Río do Porto, en Noia, e que no seu día resultara expropiada ós seus antigos propietarios a consecuencia das obras de construción da variante noiesa. Nas próximas semanas procederase á sinatura do convenio que posibilitará a cesión das instalacións, nas que se integran unha vivenda e unha pequena horta, nas que a Creba poderá desenvolver as súas actividades.