Novo roubo nas máquinas expendedoras do Rueiro en Ribeira

RIBEIRA> Continúa a vaga de roubos no centro de Ribeira. Desta volta, os ladróns forzaron as máquinas expendedoras situadas na praza do Rueiro. O propietario estima que as perdas ascenden ós mil euros, entre a recadación e os danos ocasionados nas instalacións.

Non é a primeira vez que os vándalos a toman con estas instalacións de venda automática. Hai aproximadamente catro meses xa lle prenderon lume a estas máquinas que agora veñen de ser obxecto dos roubos. Tras forzar unha das máquinas, levaron a recadación de aproximadamente cincocentos euros.

O propietario do negocio, que conta con instalacións similares na zona, xa non sabe que facer para disuadir ós ladróns. Aínda que conta con sistema de videovixilancia semella que non é suficiente para os amigos do alleo polo que está a barallar outras medidas de seguridade como a instalación dunha rexa. Mentres tanto, pide un maior control por parte das autoridades para frear a escalada de roubos.

Do mesmo xeito, os veciños da zona amósanse preocupados pola inseguridade que se vive no mesmo centro de Ribeira. Denuncian a presenza de persoas relacionadas co menudeo de drogas e actos vandálicos que atemorizan á veciñanza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí