O arrastre de Ribeira pide igualdade de condicións coa flota portuguesa

    RIBEIRA > O Consello Sectorial de Pesca de Ribeira abordou a situación de competencia desleal que sofre a flota arrastreira da localidade. As embarcacións portuguesas que faenan en augas galegas dispoñen de maior cota e están autorizadas a descargar durante o fin de semana. Tanto a flota do arrastre como do cerco de Ribeira denuncia a competencia desleal derivada do acordo pesqueiro entre España e Portugal que lles permite ós barcos lusos faenar no Atlántico Noroeste en condicións máis vantaxosas. Á maior parte de cota con que contan os barcos portugueses súmase o feito de que poidan traballar durante a fin de semana. A este respecto, a flota galega solicita que se lles prohiba descargar os sábados e domingo, ou pola contra que se lles autorice a facelo tamén ás embarcacións galegas para poder competir en igualdade de condicións. Para facer oír as súas demandas, o sector convocou unha xuntanza do consello sectorial de pesca na que se acordou solicitar unha reunión coa Conselleira do Mar para trasladarlle-las inquedanzas destes profesionais. Outro dos asuntos que abordarán con Rosa Quintana é a recente sentencia da Audiencia Nacional que declara nula a orde aprobada polo Ministerio en xullo de 2013 pola que se establece un plan de xestión para os buques do caladoiro do Cantábrico e Noroeste.