Detido o ex patrón maior de Cabo por presuntas irregularidades na xestión do pósito

    BOIRO> Detido o ex patrón maior da confraría de Cabo de Cruz nun operativo desenvolvido pola Garda Civil de Boiro e o Seprona. Os axentes rexistraron durante horas a sede da confraría e a vivenda de Carmelo Vidal, ó que se lle imputan presuntos delitos fiscais. A investigación iniciada polo Ministerio Fiscal durante o mandato de Carmelo Vidal á fronte do pósito crucense saldouse coa súa detención. Axentes do Seprona e da Garda Civil de Boiro realizaron durante toda a xornada un minucioso rexistro tanto na sede da confraría como na vivenda de Vidal co fin de atopar indicios da súa presunta actividade delictiva que pasaría por apropiación, falsidade e malversación de caudais públicos. O rexistro e a detención de Carmelo Vidal así como da que fóra a súa man dereita como presidenta das mariscadoras, Ermitas Pérez, xerou unha enorme expectación no porto de Cabo onde ó longo da mañá vivíronse momentos de tensión. Os mariscadores que volvían de traballar preto das dez da mañá atoparon a lonxa pechada e sitiada pola Garda Civil que non concluíu o rexistro da confraría ata pasadas as dúas da tarde. A actual patroa maior, Raquel Souto, estivo presente nos labores de rexistro que se saldaron con numerosa documentación requisada. A longa etapa de Carmelo Vidal á fronte do pósito, durante vinte e tres anos, non estivo exenta de polémicas. O colectivo crítico de mariscadores, que agora ocupa a directiva, sempre denunciou as presuntas irregularidades nas contas. De feito, a presente investigación xurdía a raíz dunha denuncia presentada hai tres anos por un grupo de profesionais da entidade. Polo momento, a investigación segue aberta aínda que non transcenderon máis datos posto que se decretou o segredo sumarial.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí