A flota artesanal pide de novo a retirada do regulamento de control da UE

RIBEIRA> Como xa fixeran a finais de marzo, a flota artesanal e o marisqueo volveron mostrar hoxe o seu total rexeitamento á normativa sobre xeolocalización e a instalación de cámaras nas embarcacións que promove a Unión Europea. A convocatoria de paro partiu novamente da Federación Galega de Confrarías e foi secundada por tódolos pósitos de Galicia.

Ribeira foi hoxe de novo unánime na súa repulsa contra o regulamento de control da pesca que promove a Unión Europea. Na dársena portuaria concentráronse ó redor dun cento de embarcacións pertencentes á flota artesanal que deste xeito quixeron apoiar a xornada de paro convocada para hoxe pola Federación Galega de Confraría, e á que se sumou tamén o marisqueo. O sector rexeita a nova normativa sobre xeolocalización, e a instalación de cámaras nas embarcacións para a flota de catro a doce metros de eslora, e pide a súa retirada.

Dende o Concello tamén apoian as demandas do sector, ó considerar que o regulamento é lexivo para os intereses da flota.

Na concentración de Ribeira tamén participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que mostrou o seu total apoio ás reivindicacións da flota, ó entender que as medidas que promove Bruselas son totalmente inxustificadas.

Máis chamativa foi a presenza tamén na concentración do eurodeputado e vocal do comité executivo nacional de VOX, Jorge Buxadé. Aproveitou a súa presenza en Ribeira para reclamar tamén a retirada do regulamento tal e como pide o sector.