O PSOE de Rianxo denuncia o incumprimento dos prazos na aprobación da Conta Xeral

RIANXO> O PSOE de Rianxo denuncia o incumprimento dos prazos legais para aprobar a conta xeral de 2023. Consideran que o executivo está a cometer unha grave irresponsabilidade que pode derivar mesmo na perda de subvencións.

Os socialistas de Rianxo non ocultan a súa preocupación ante o incumprimento dos prazos legais no procedemento da aprobación da conta xeral de 2023. Consideran que esta situación podería ter graves consecuencias para o concello, incluíndo a posible perda de subvencións.

Dende o PSOE levan máis de tres meses solicitando a documentación necesaria para analizar a conta xeral. sen embargo, denuncian que non lles foi facilitada nun prazo razoable de tempo dificultando así o labor de control por parte da oposición en detrimento da transparencia municipal.

O Grupo socialista entende que estes incumprimentos reflicten non só unha falla de respecto cara á oposición senón tamén cara tódolos rianxeiros xa que pode afectar moi negativamente ó futuro do concello.