O BNG da Barbanza celebrará na Pobra unhas xornadas sobre política municipal

    POBRA> A través deste foro, que terá lugar durante esta vindeira fin de semana, os nacionalistas pretenden sensibilizar á cidadanía que existe outra forma de facer política nos concellos. ‘O BNG, forza transformadora dos concellos’. Con este lema o Bloque Nacionalista Galego da Barbanza desenvolverá esta vindeira fin de semana, o sábado 18 e o domingo 19, unhas xornadas de política municipal. A través deste foro de debate, os nacionalistas queren demostrarlle á cidadanía que existe outra forma de facer política municipal, poñendo como exemplo o traballo desenvolvido en varios municipios nos que o BNG ostenta a alcaldía, como é o caso de Tomiño, Pontevedra, Alariz ou Rianxo. As xornadas, que se desenvolverán no salón de actos do ISM, arrancarán o sábado ás once e cuarto da mañá cunha charla a cargo do edil do BNG en Tomiño, Uxío Benítez, baixo o título ‘A transformación dos concellos: democracia, participación e xustiza’. Unha hora máis tarde o edil nacionalista en Pontevedra, César Mosquera, falará da cidade do Lérez como exemplo de calidade urbana galega. Xa o domingo as xornadas terán continuidade tamén con dúas charlas. A primeira delas ás once da mañá a cargo de María Cristina Cid, edil do BNG en Alariz, e a segunda, ás doce e media, do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.