A Deputación da Coruña compromete o seu apoio ó Festival de Murais Salmoira de Ribeira

RIBEIRA> O Festival de Murais Salmoira de Ribeira contará o próximo ano cunha achega económica da Deputación. Así o anunciou o vicepresidente do organismo provincial e responsable de Cultura, Xosé Regueira, nunha visita realizada esta mañá para coñecer as novas obras desta edición.

O muralismo gaña peso en toda Galicia. O Rexenera Fest do Carballo marcaba, hai máis dunha década, o inicio desta tendencia cada vez máis estendida, que chegou tamén ata a comarca do Barbanza co exitoso e xa consolidado Festival ViladoMar de Rianxo. Seguindo a súa estela, o pasado ano arrancaba en Ribeira o festival Salmoira que ten continuidade na presente edición con tres novas obras a cargo de Mon Devane, Lidia Cao e Fernando Yáñez.

Ademais das obras de arte do gran formato,  o festival incorpora este ano varias actividades complementarias para obter unha maior dimensión pero o salto definitivo chegará o vindeiro ano coa axuda comprometida pola Deputación da Coruña, a través da súa liña de subvencións.

Dende a Deputación da Coruña quixeron destacar a aposta decidida do concello de Ribeirapor sacar a arte á rúa, democratizando a cultura e poñendo en valor o labor profesional dos artistas, o tempo que rexeneran espazos degradados da vila.

Pola súa banda, o alcalde quixo agradecer a colaboración de Deputación, non só con esta iniciativa, senón coa promoción de actividades culturais e turísticas durante todo o ano.