O concello da Pobra destina trescentos mil euros a melloras no rural

    POBRA> O executivo pobrense iniciará nos próximos días diversas obras incluídas en diferentes plans e programas financiados tanto pola Deputación da Coruña como pola Xunta de Galicia. Na maioría dos casos trátase de actuacións de saneamento e mellora de camiños e viais. O investimento total ascende a máis de trescentos mil euros. O concello da Pobra do Caramiñal investirá máis de 300 mil euros en diversas obras de mellora no rural. Trátase de diversas actuacións incluídas en programas financiados tanto pola Deputación da Coruña, dentro do Plan de Obras e Servizos ou o Plan de Aforro e Investimento, como pola Xunta de Galicia, con cargo ó fondo de compensación ambiental. Neste sentido as obras que se executarán de inmediato corresponden coa mellora do contorno do cruceiro do Campiño e o asfaltado da praza do Alto de Cabío, así como o acondicionamento de diversos camiños en Cruceiro da Angustia, San Isidro e Gonderande, A Banda e Lesón. Tamén se realizará a instalación dunha rede de saneamento con bombeo no lugar do Inferniño, de cara a consecución do tan ansiado saneamento integral do concello. Aínda así estas obras non serán as únicas. O concello pobrense está a cometer nestes momentos diversas actuacións na práctica totalidade das parroquias do municipio, así como tamén no casco urbano, na súa maioría de mellora de viais.