Arranca en Ribeira unha nova edición da Feira da Educación

    RIBEIRA> Este mércores arranca en Ribeira a segunda edición da Feira da Educación. Unha actividade organizada polo concello en colaboración coa totalidade de centros educativos existentes na localidade, así como tamén outras entidades, e que se prolongará ata o próximo domingo. A principal novidade deste ano radica no cambio de ubicación, xa que se desenvolverá nas instalacións do novo mercado municipal. O éxito da primeira edición celebrada o pasado ano foi unha das principais razóns que levou ó executivo ribeirense a volver a organizar esta Feira da Educación que se desenvolverá ata o domingo. Ó longo destes días realizaranse numerosas actividades como é o caso de obradoiros, concertos, clases abertas e ata exposicións. Na iniciativa, organizada pola concellería de Educación, colaborarán a práctica totalidade dos centros de ensino do municipio, ademais de anpas e outras entidades. Un dos cambios máis significativos que presentará esta edición será o cambio de ubicación, pasando dos arredores do auditorio municipal para as instalacións do novo mercado municipal. Dende o concello valoraron moi positivamente a implicación de tódolos colexios, así como das asociacións de pais, xa que sen a súa colaboración esta feira non sería posible poder desenvolvela. O horario da Feira será de mércores a venres, de 10 a 14 polas mañás e de 17 a 21 polas tardes; mentres que na fin de semana estará aberta unicamente de dez a dúas.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí