A confianza empresarial do Barbanza, por debaixo da media galega

    BOIRO> O Observatorio Económico da Antena Local da Cámara de Comercio de Santiago vén de presentar o Indicador de Confianza Empresarial da comarca do Barbanza correspondente ó primeiro trimestre de 2015, realizado a través de enquisas a máis de mil empresas dos concellos de Boiro, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son. O informe, que reflicte a situación do último trimestre e as expectativas para o seguinte período nos sectores da construción, industria, comercio, hostalería e sector servizos, sitúase nesta ocasión en –6,9 puntos, un valor negativo similar á cifra alcanzada no trimestre anterior. En canto ó índice de situación que se extrae do informe, as cifras mostran tamén que o primeiro trimestre de 2015 continúa a ofrecer un saldo negativo, con –9,8 puntos. O mesmo sucede co índice de expectativas do empresario para o segundo trimestre de 2015, que se establece en –4,1 puntos, unha cifra algo superior á do período anterior. Este pesimismo xeralizado acada a tódolos sectores obxecto de estudo, con cifras negativas en situación e expectativas. Polo tanto, a confianza empresarial presenta tamén cifras negativas en tódolos niveis de produción. En concreto, o sector da construción continúa cunha tendencia marcada polo negativismo, alcanzando novamente os valores máis baixos de todos os sectores testados. A pesar dos resultados á baixa en todos os sectores, dentro da franxa de valores negativos, as cifras presentan un leve repunte respecto ao último trimestre de 2014.