Escolares de toda Ribeira participan na apertura da II Feira da Educación

    RIBEIRA> Escolares dos centros educativos de todo o municipio realizaron diversas actividades no edificio do futuro mercado municipal como pistoletazo de saída da Segunda Feira da Educación. A apertura da feira é tan só o aperitivo do amplo programa de actividades que se desenvolverán no marco desta feira ata o domingo. O concello elixiu o edificio do futuro mercado municipal para dar a coñecer as novas instalacións ó alumnado así como aproveitar as súas potencialidades para acoller todo tipo de actos. Teatro, danza, música, exposicións e todo tipo de expresións artísticas encherán estes días de vida o inmoble. O alcalde puxo a esta feira como un exemplo máis do dinamismo da educación en Ribeira que nos últimos anos experimentou un pulo importante coa ampliación da oferta formativa con catro novos ciclos a través do centro integrado de Coroso.