Forvi abre un novo local en Meaño para dar cobertura a máis produtores

    MEAÑO> Desde hoxe os viticultores e agricultores da zona de Meaño e arredores teñen un novo local no que adquirir produtos e ferramentas para o seu traballo diario así como asesoramento técnico. As cooperativas Martín Códax, Paco & Lola, Horsal e Hortumia inauguraron esta mañá a segunda tenda de Forvi, que se suma ás instalacións que xa teñen desde hai sete anos no polígono de Cambados. Foi un proxecto que sempre estivo en mente desde que as cooperativas Martín Códax, Paco & Lola, Hortumia e Horsal se decidiron a poñer en marcha hai sete anos a tenda Agraria Forvi no polígono industrial de Cambados. O establecemento daba servizo ós viticultores de toda a zona de Cambados, Ribadumia e arredores, pero ós produtores do entorno de Meaño quedáballes máis a desmán. Despois de meses de xestións e intenso traballo, esta mañá abría ó público a segunda tenda Forvi, situada en fronte á casa do concello de Meaño. En Meaño ofrecen os mesmos produtos e servizos que na central de Cambados. Desde abonos ata fitosanitarios, sementes, produtos de limpeza ou ferramentas e traxes de traballo. Pero se por algo destaca Forvi é polo seu servizo de asesoramento técnico. Os profesionais das tendas informan e aconsellan ós produtores que se achegan ás súas instalacións sobre os produtos máis axeitados para o que necesitan. Se ben é certo que é unha iniciativa que partiu das grandes cooperativas vinícolas e agrícolas do Salnés, calquera produtor pode achegarse e beneficiarse deste servizo técnico. Sexa ou non socio de Martín Códax, Paco & Lola, Horsal ou Hortumia. Ademais deste asesoramento en tenda, as cooperativas traballan tamén na promoción de xornadas informativas sobre cuestións de interese para o sector como a que convocaron este xoves en Cambados xunto a Condes de Albarei. A xornada comezará mañá ás sete da tarde no Salón José Peña de Cambados. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/22/forvi.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/22/PREVIA_AGRICULTURA_SOSTIBLE.mp4{/flowplayer}