Formación para facilitar a inserción laboral dos desempregados

    RIBEIRA> O conselleiro de Economía visitou as obras que están a desenvolver os alumnos do obradoiro de emprego Tahume II, compartido polos concellos de Ribeira e Porto do Son. Acompañado dos alcaldes de Ribeira e Porto do Son, Manuel Ruíz e Luís Oujo, respectivamente, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, realizou unha visita ó obradoiro de emprego Tahúme II, que comparten estes dous concellos coas especialidades de carpintería e moblería. Conde puido coñecer de primeira man o traballo que están a realizar os 21 alumnos que integran este obradoiro, que se basea fundamentalmente na construción de mobiliario urbano en madeira e o acondicionamento de distintos espazos como o que están a desenvolver na área recreativa da Corna en Palmeira. Esta acción formativa na que a Xunta inviste uns 190 mil euros forma parte desas accións impulsadas polo Goberno Autonómico de cara a mellorar a formación e o acceso ó emprego. Tanto o alcalde de Ribeira coma o do Son valoraron moi positivamente esta iniciativa que comparten por segundo ano consecutivo. Segundo eles xa se están a dar os pasos necesarios para volver a solicitar para este ano unha nova experiencia formativa deste tipo. Ademais da Corna os alumnos do obradoiro de emprego Tahúme II tamén estiveron traballando na realización de mobiliario para o conservatorio de Aguiño e os centros públicos de ensino de Porto do Son, así como o acondicionamento da pasarela de madeira do Carreiro e a senda no Parque Natural de San Roque.