Jealsa creará douscentos novos empregos coa súa ampliación

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/28/ampliacion_jealsa1.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/28/ampliacion_jealsa.mp4{/flowplayer} BOIRO> O grupo Jealsa Rianxeira segue medrando. A Xunta de Galicia vén de aprobar o proxecto sectorial para a ampliación das instalacións da factoría emprazada en Boiro. Con esta actuación, que suporá un investimento de vinte millóns de euros, crearanse ó redor de douscentos novos postos de traballo. Jealsa Rianxeira construirá unha nova nave robotizada no porto do Bodión. Trátase dunha ampliación próxima ós vinte e mil metros cadrados á que a empresa destinará vinte millóns de euros. O grupo conserveiro agarda materializar este investimento na creación de douscentos novos postos de traballo cos consecuentes beneficios para toda a comarca do Barbanza, líder no sector da conserva. Esta infraestrutura, dotada dun innovador equipamento, permitirá unificar as instalacións de almacenaxe co consecuente aforro de custos. Enmárcase no plan de crecemento da empresa para os próximos tres anos nos que agarda incrementar as vendas nun vinte por cento de cara a 2018. Na actualidade, Jealsa ten presenza en mercados internacionais como Italia, Portugal, Marrocos, Brasil ou Estados Unidos. Tan só en Galicia dá emprego a dúas mil persoas e sitúase como referente dun sector estratéxico como o conserveiro que supón o tres por cento do PIB da nosa comunidade.