Malestar en Cabo de Cruz polo peche do centro de saúde durante o verán

BOIRO> O BNG faise eco de novo deste problema, anunciando que levará ó Parlamento Galego unha iniciativa a través da cal solicita a adopción das medidas necesarias para evitar o peche das consultas. Non é nada novo. Cada ano coa chegada do verán os veciños e residentes en Cabo de Cruz ven coma o centro de saúde da localidade pecha as súas portas e as consultas son derivadas ó Saltiño. Unha situación que suscita un enorme malestar entre a veciñanza e que, unha vez máis recolle o BNG. Ante esta situación, o BNG a través do seu grupo parlamentario, levará ó Parlamento galego, unha serie de iniciativas coas que instan ó Goberno da Xunta a adoptar as medidas necesarias para evitar o peche das consultas durante todo o verán. Para os nacionalistas non hai xustificación algunha para que a Xunta siga aplicando este modelo de recortes no que se intenta favorecer á sanidade privada en lugar da sanidade pública, argumentando que non hai profesionais para cubrir as baixas e as  vacacións dos médicos e do personal sanitario.