O PSOE muradán pídelle a CxG e BNG que non negocien co PP

    MUROS> Esta será a única condición que poñerán os socialistas para sentarse a dialogar.


    Os membros do Partido Socialista, grupo de goberno en funcións, xa mantiveron unha asemblea que serviu para analizar os resultados do pasado domingo, no que o partido do puño e da rosa sufriu un importante varapau, perdendo dous edís. A candidata desta formación política, que aspiraba a reelección, Caridad González, mostrouse sorprendida por este feito. En canto ás posibles opcións do novo executivo indicou que apostará por un goberno de esquerdas. Neste sentido indicou que a súa formación está aberta a negociar con calquera dos outros partidos, a excepción do Partido Popular. Poñendo coma única condición para facelo a que o resto das formación fagan o mesmo. A pesar de ser a forza máis votada, o PP muradán é consciente das dificultades de poder formar goberno. Aínda así non o descarta. A súa candidata, Inés Monteagudo, considera que o seu grupo, coma lista máis votada, ten a responsabilidade de formar goberno ou polo menos de intentalo. Neste sentido aludiu a súa intención de sentarse a falar con tódalas formacións, na busca de mellorar a gobernabilidade do concello. Criticou a actitude de socialistas e de Compromiso, segundo ela máis enfrascados no reparto de cotas de poder que de mirar polos intereses reais dos veciños. Precisamente un dos grandes beneficiados destes comicios foi CxG que se converte na terceira forza neste concello con tres edís. De todos é sabido as discrepancias deste grupo, xurdido dunha excisión do BNG, co equipo de goberno. A súa candidata, María Xosé Alfonso, asegurou que esperarán á xuntanza do partido que terá lugar esta próxima fin de semana para tomar unha decisión. segundo ela están abertos a falar con tódolos grupos, posicionándose abertamente por un goberno de esquerdas. Negou que existisen preacordos con outras formacións. A única condición que poñen para sentarse a negociar co Partido Socialista é que terían que renunciar a formar parte da nova corporación catro dos actuais membros do equipo de goberno, entre eles a propia alcaldesa Caridad González. Para a Alfonso durante estas catro últimos anos quedou o suficientemente demostrado que non son xente na que confiar e nos que non teñen ningún tipo de confianza. Pola súa banda dende o BNG pretenden manterse alonxados deste xogo que segundo eles manteñen PSOE e CxG, ou esa é a opinión ó respecto do seu candidato Manu García. Para eles non existe vontade real por parte de ningún destes dous grupos de querer chegar a un entendemento, polo que se manterán á marxe, reafirmándose no compromiso adquirido cos seus votantes de non entrar en posibles pactos de goberno. Aínda así agardarán tamén ó resultado da asemblea aberta que a formación frentista ten previsto celebrar este próximo sábado para tomar unha decisión ó respecto. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/28/posibles_pactos_concello_muros_2805151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/28/posibles_pactos_concello_muros_280515.mp4{/flowplayer}