Dous detidos polo presunto asasinato dunha muller na Pobra

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/08/homicidio_pobra0806151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/08/homicidio_pobra080615.mp4{/flowplayer} POBRA> Dúas persoas foron detidas esta mañá na comarca do Barbanza relacionadas co asasinato da muller, cuxo corpo foi atopado onte pola noite sen vida nunha finca do lugar da Ribeiriña, na Pobra do Caramiñal. O suceso causou unha enorme expectación na zona. Nunha finca, situada na zona da Ribeiriña, na Pobra do Caramiñal, foi o lugar no que aparecía, a última hora da tarde de onte, o corpo sen vida dunha muller cuxa identidade aínda non trascendeu. O cadáver, con evidentes síntomas de violencia, era atopado por un veciño da zona que acudía a súa parcela a regar. El foi o primeiro en dar a voz de alarma. Para os veciños da zona a nova levantou gran expectación, rompendo a tranquilidade que habitualmente se dá nas inmediacións. Ata o lugar achegáronse ademais do persoal sanitario do 061 e do propio centro de saúde da Pobra, que se encargaron de certificar a morte da muller, efectivos da Garda Civil de Boiro e de Noia, e tamén da unidade xudicial da Coruña. Estes últimos foron ademais os que iniciaron as investigacións. Unha vez identificada a vítima, unha muller duns corenta anos de idade, de nacionalidade dominicana e residente en Ribeira, as primeiras pesquisas xiraron ó redor do seu entorno, dando como resultado esta mañá a detención de dúas persoas, un home e unha muller, ó pacecer parella sentimental, ós que se lles relaciona presuntamente co acontecido. Nas próximas horas está previsto que pasen a disposición xudicial no Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira, que é o que leva o caso, que xa decretou o segredo de sumario.