Os mexilloeiros volven ó traballo ó remitir a toxina en Arousa

    BARBANZA> Reabren a maioría dos polígonos bateeiros de Arousa trala remisión da marea vermella. Xa se pode faenar en toda a ría a excepción dun polígono de mexillón en Cambados e outro de ostra no Grove. Tamén permanecen abertas tódalas concesións marisqueiras. Tras meses parados pola marea vermella que afectou non só ós polígonos de bateas senón tamén ós moluscos infaunais, os mexilloeiros volveron a actividade. Xa se pode traballar en case toda a ría de Arousa, asegurando a campaña de venda para as conserveiras que arranca nestas datas. Tamén os mariscadores faenan nas súas concesións dende hai semanas. A presenza de toxina frustrou o arranque da campaña de verán que agora retoman aínda que con poucas expectativas ante a baixada dos prezos. En función de como vaian evolucionando os prezos, dende os pósitos non descartan a toma de medidas para garantir a viabilidade da actividade marisqueira. Os patróns maiores apoian o plan de rexeneración integral proposto pola federación galega para recuperar as zonas improdutivas e sacar ó sector da continua caída de poder adquisitivo. Esta semana tamén retomaron a actividade os mariscadores da ría de Muros que acumulaban máis xornadas de peche que en Arousa. A apertura de dúas zonas permitiu traballar o ameixón, especie rendible nos últimos meses, pero que tamén cotizou á baixa. Peor situación para os bateeiros desta ría que continúan con tódolos polígonos pechados.