Prisión provisional comunicada e sen fianza para os detidos polo crime da Pobra

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/10/novidades_crime_pobra1006151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/10/novidades_crime_pobra100615.mp4{/flowplayer} RIBEIRA> A xuíz impútalles ós dous prendidos un suposto delito de homicidio. A primeira hora desta mañá pasaban a disposición xudicial nos xulgados de Ribeira os dous detidos en relación coa morte de Yuleisi Altagracia. Trátase de Ventura Lustres Miranda e a súa parella sentimental, Melisa Abelleira Castro. Durante toda a mañá prestaron declaración ante a xuíz-titular do Xulgado Número 1 quen decretou o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza. Ós dous impútaselle a morte da muller de orixe dominicano cuxo corpo sen vida aparecía o pasado domingo nunha finca da Pobra do Caramiñal. Ó parecer e segundo se desprende da investigación, a vítima foi acoitelada na vivenda que a parella tiña na rúa Tetuán na Pobra e posteriormente o seu corpo, xa sen vida, foi trasladado ata o lugar no que se localizou o cadáver. Segundo puideron comprobar posteriormente os axentes durante os diversos rexistros efectuados no piso, a parella preocupouse de eliminar posibles rastros de sangue da vítima, empregando mesmo diversos líquidos desinfectantes. No momento da entrada dos dous prendidos nos xulgados ribeirense vivíronse momentos de dor e gran tensión, ó concentrarse alí amigos e familiares da falecida, que increparon con berros e apupos ós dous detidos. Ás portas dos xulgados reclamaron xustiza, negando calquera implicación da vítima con seus presuntos homicidas. A xuíz abriu ademais outras dilixencias polo achádego de substancias estupefacientes durante os diversos rexistros practicados na vivenda dos dous detidos.