Enfrontamento entre mariscadores de a pé e rañeiros na lonxa de Cabo de Cruz

BOIRO> Esta mañá vivíanse momentos de máxima tensión, chegando  mesmo a producirse algunha que outra agresión entre mariscadores de a pé e rañeiros. Os motivos da disputa, algo xa de vello entre estas dúas agrupacións, a delimitación das súas zonas de traballo. Os mariscadores a pé acusan ós rañeiros de invadir o seu espazo e apropiarse do marisco que lles corresponde.

Ao berro de ‘Marisco ao mar’ e aferrados ás portas da lonxa, os mariscadores de a flote pretendían impedir que os rañeiros accederan, escoltados pola Garda Civil,  co marisco recollido na xornada de hoxe á rula para a súa pesaxe…Foron momentos de gran tensión, chegando mesmo a producirse algunha que outra agresión entre mariscadores…

Os mariscadores de a pé, maioría no pósito crucense, denunciaban que os rañeiros están a ocupar día si e día tamén, as súas zonas de traballo para recoller o marisco, co grave prexuízo que isto conleva para eles. Pero esta mañá os ánimos caldeáronse máis da conta…decidindo deixar a praia e perder o día de traballo para concentrarse diante da lonxa.

Coa mediación da Garda Civil e do propio patrón maior, Xosé Manuel Pérez, intentou chegarse a un acordo entre as dúas partes..pero foi imposible. Os mariscadores de a pé pretendían que o marisco recollido no día de hoxe polos rañeiros fora devolto ó mar…e estes negábanse a perder un día de traballo…

O de hoxe non é un problema novo. De sempre, nas confrarías, existiron discrepancias entre as agrupacións de a pé e de a flote pola delimitación das súas zonas de traballo. Aínda que na maioría dos casos están delimitadas por boias, algunhas misteriosamente desaparecen..

O conflito parece non ter unha solución sinxela, e tanto uns coma outros, apelan a intermediación da Xunta, pedindo unha nova delimitación de zonas e que volvan a colocarse as boias no sitio correcto que marca o espazo de traballo de cada unha das dúas agrupacións.