POBRA> Os compradores da Pobra xa dispoñen dun lugar onde comprar marisco e peixe da máxima calidade a prezos competitivos. Trátase da peixería da confraría pobrense onde os produtores poderán vender de forma directa as capturas, sen intermediarios. Tras un longo proceso, non exento de escollos e farragosos trámites, o punto de venda directa da confraría da Pobra abriu as súas portas. Nesta peixería, ubicada no antigo local do pósito, os compradores poden atopar peixe e marisco fresco, a un prezo máis competitivo e con total garantía de trazabilidade. Os trámites para a posta en marcha do punto de venda iniciáronse xa en 2008 coa anterior directiva da confraría presidida por Manuel Maneiro. O actual patrón maior tomou o relevo para sacar adiante o proxecto financiado con fondos europeos. Nestes primeiros días de funcionamento o resultado está a ser moi positivo. Pretenden incrementar o número de especies á venda de cara ó verán para satisfacer a crecente demanda de marisco nestas datas. O patrón maior quixo agradecer o esforzo da anterior e actual xunta xeral para poñer en marcha este proxecto tan demandada así como a inestimable colaboración do técnico da confraría, José Antonio Vilar, para acondicionar o local e poder abrilo nun tempo record.
Inicio Barbanza - Muros - Noia








