Un furtivo deberá afastarse máis de trescentos metros dun vixilante ó que agrediu

    POBRA> A condena ditada polo Xulgado Número 1 de Ribeira é pioneira neste tipo de casos. Abrahán Fandiño, vixilante do pósito pobrense aínda garda secuelas das dúas malleiras recibidas por parte dun mariscador ilegal, a última delas en 2014, ó que instara a devolver o marisco extraído da praia ó mar. A piques estiveron de causarlle a morte. Hoxe é un pouco máis feliz, despois da sentenza ditada polo Xulgado Número 1 de Ribeira que condenou ó agresor a non poder achegarse a el a menos de 300 metros. Segundo o seu avogado, que representa tamén á confraría da Pobra, dáse a circunstancia de que esta é a primeira vez que se produce unha sentenza deste tipo, abrindo novas posibilidades para casos similares. O xulgado condena ademais ó agresor a indemnizar á vítima co pago duns 2.700 euros.