RIANXO > O BNG de Rianxo presentou trece enmendas ós orzamentos municipais elaborados polo executivo para o exercicio 2006. Os nacionalistas destacan, entre as súas reclamacións, a falla de partidas para o acondicionamento dos camiños municipais, o mantemento das escolas ou a continuación dos traballos da rede de saneamento en varios núcleos rurais.
A primeira solicitude do BNG é a entrega da documentación relativa ós orzamentos completa e con suficiente antelación para o seu estudo e non unhas horas antes do pleno.
A través dos informes internos do propio documento, os nacionalistas alertan da precariedade laboral motivada pola contratación temporal, falla de estabilidade e procesos selectivos sen transparencia. Así mesmo botan en falta un convenio colectivo e reclaman a sáída a concurso de novas prazas xunto coas de arquitecto municipal, tesoureiro ou notificador.
O voceiro do BNG, Xoán B. Mariño, sinala que varios colectivos do municipio, como o Club de Piragüismo ou a Banda de Gaitas Buxaina de Taragoña, non reciben subvencións nominativas polo que solicita que se lle concedan ou que tódalas axudas se determinen mediante convocatoria pública.
No referido ós investimentos, no documento orzamentario non se contempla un plan plurianual para atender camiños e pistas de titularidade municipal, nin un aumento das partidas para o mantemento das escolas do concello e o plan de abastecemento de auga da traída do Ulla. Tamén se bota en falta a a continuación da rede de saneamento nos núcleos de Campelo, Vilar, Cerqueiras e Ourille ou o aumento da sinalización para núcleos con altos índices de sinistralidade.
Por outra banda, os representantes do grupo nacionalista reclaman que se clarifique a intención do goberno no apartado de ingresos polo IBI urbano posto que non aparece explicitado no documento e hai unha previsión de ingresos de 1.500.000 euros.
Os membros do BNG rianxeiro pechan as súas demandas solicitando máis recursos para as persoas dependentes e que se fagan uns orzamentos participativos.
Redacción Barbanza