Os alumnos do Santa Baia colaboran na repoboación de árbores autóctonas

    BOIRO> Os alumnos do Santa Baia participaron nunha actividade medioambiental organizada por Boiro Verde. Os cativos plantaron corenta exemplares de especies autóctonas en Barraña, co obxectivo de repoboar esta zona de lecer. Os pequenos de Santa Baia son todo uns expertos en natureza. Esta mañá tiveron ocasión de amosar a súa destreza na plantación de árbores organizada polo colectivo Boiro Verde en Barraña. Os nenos trasladaron a este espazo natural todo o aprendido durante o curso no horto do que dispón o colexio e que, eles mesmo, se encargan de coidar. Os cativos deixaron a súa pegada en forma de corenta árbores, todas elas de especies autóctonas, que medrarán ó longo dos anos sempre e cando os visitantes respecten o entorno natural. Precisamente, con este tipo de iniciativas preténdese fomentar a conciencia medioambiental dende idades temperás para favorecer o respecto á natureza.