RIBEIRA> O novo Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural de Corrubedo, en período de exposición pública, segue a dar que falar. Agora é o BNG o que vén de anunciar a presentación de preto de medio cento de alegacións. Os nacionalistas pídenlle á Xunta que realice máis investimentos para a conservación do espazo, que resolva as demandas formuladas polos colectivos veciñais e promover actuacións que revitalicen o parque natural.
As alegacións do BNG ó Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural van enfocadas a tres ámbitos. O primeiro deles referido á necesidade de aumentar os investimentos no espazo. Para os nacionalistas o parque está sumido nun absoluto estado de abandono.
Para o BNG outro dos puntos a ter en conta vai referido á resolución das demandas veciñais, entre elas a compra dos terreos a aqueles propietarios que estean interesados en facelo.
Outra das súas queixas radica na necesidade de aumentar as figuras de protección no espazo natural. O BNG tamén esixe manter a zona do Río do Mar como zona de baño, eliminar os aproveitamentos mineiros existentes e aumentar a erradicación das especies invasoras. Por último os nacionalistas propoñen tamén a posta en valor do patrimonio cultural e etnográfico existente.