Ruíz asume que gobernará en minoría e inicia a organización do executivo

    RIBEIRA> Á espera de resposta por parte dalgúns grupos da oposición ante o ofrecemento do PP de conformar un executivo estable, Manuel Ruíz xa asume que gobernará en minoría todo o mandato. Na actualidade, traballa na distribución das áreas de gobernos e nas asignacións de persoal. Previsiblemente manteranse tres dedicacións e dous cargos de confianza. O alcalde de Ribeira expresou, na súa toma de posesión, a súa vontade de formar un goberno estable ó longo do mandato. Este ofrecemento xa foi rexeitado por algúns grupos da oposición mentres que outros nin sequera contestaron, o que fai pensar que Manuel Ruíz liderará un executivo en minoría ó longo dos próximos catro anos. O novo equipo traballa agora na redistribución das responsabilidades xa que as áreas de goberno repartiranse agora entre nove concelleiros fronte ós trece da anterior lexislatura. O alcalde asumirá as competencias directas en varias materias. Na proposta do executivo figura a redución do gasto pero mantendo tres dedicacións, a do alcalde e dous concelleiros, así como dous cargos de confianza: a secretaria e o responsable de comunicación. Polo momento, a composición do futuro goberno está a perfilarse. Unha vez teñan unha proposta en firme, o alcalde trasladaralle os detalles ó resto dos grupos antes do seu debate no pleno de organización.